Saturday 18 de May de 2024

Turismo de Galicia e o Grupo Nove mostran o potencial da cociña galega e a virtude dos seus cociñeiros nun Showcooking en Barcelona


A enogastronomía converteuse na segunda motivación pola que os turistas elixen Galicia como destino

Turismo de Galicia, en colaboración co Grupo Nove, celebrou no World Trade Center de Barcelona un showcooking para promover a cociña galega de vangarda no que participaron vinte dos xefes de cociña máis destacados de Galicia. O acto contou coa presenza da directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, primeiras figuras da cociña tanto galega como catalá e máis de 250 asistentes.

A cidade condal puido degustar as últimas novidades da cociña galega a través das creacións dos integrantes do Grupo Nove que reinterpretaron receitas tradicionais co produto galego como gran protagonista.

Entre outros pratos, os asistentes puideron degustar raviolis de tenreira galega con allo asado e pistachos; vieiras con cabaciña, perlas de soia e miolos crocantes; brandada de bacallau con allada; cremoso de congro con areas da praia e follas da marea; anguías do Ulla; canelóns de galiña piñeira; lacón con grelos, etc.

Durante o acto a directora de Promoción de Turismo de Galicia resaltou que a innovación unido ás raíces da cociña galega está revolucionando o mercado da gastronomía. “Nos restaurantes galegos pódense vivir experiencias sen igual, constrúense emocións de felicidade que converten ao feito de saborear un prato nun momento único e inigualable”, explicou Carmen Pita.

A enogastronomía converteuse na segunda motivación pola que os turistas elixen Galicia como destino. Neste senso, a directora de Promoción de Turismo de Galicia resaltou os máis de 20 produtos enogastronómicos con distintivos de calidade que avalan os produtos galegos e as 12 Estrelas Michelin que obtivo a nosa comunidade a semana pasada así como os 29 Soles Repsol e as 51 Q de Calidade que certifican a excelencia dos nosos cociñeiros e restaurantes.

Por todo isto, desde Turismo de Galicia incídese na potenciación deste recurso tanto como motivación principal como complementaria do viaxe a través de programas como o Outono Gastronómico no Turismo rural, De Tapas por Galicia ou as Rutas do Viño que poñen a disposición dos turistas e visitantes diferentes posibilidades para saborear a gastronomía e os viños galegos á vez que se goza dos encantos tanto das zonas rurais como das urbanas.

A directora galega de Promoción turística agradeceu o seu traballo aos cociñeiros galegos dos cales destacou a súa profesionalidade, creatividade, emprendemento e innovación. “Converten a oferta culinaria nun gran recurso e un tesouro cultural da nosa comunidade mantendo a nosa tradición á vez que incorporan elementos de vangarda que outorgan diferenciación e valor engadido”, sinalou. Así mesmo, Carmen Pita felicitou aos cociñeiros galardoados, a pasada semana, coa Estrela Michelin e afirmou que “son os grandes embaixadores da gastronomía galega a nivel internacional e un referente empresarial de éxito”.

A representante de Turismo de Galicia destacou a gran aposta da Administración polo turismo enogastronómico a cal está reflectida no Plan Integral de Turismo de Galicia que identifica a gastronomía da nosa comunidade como unha fortaleza e a variedade e calidade dos seus produtos enogastronómicos como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais respecto doutros lugares. “Neste Plan Integral incluímos unha liña estratéxica centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos”, explicou Carmen Pita. Nela figura un plan de acción para o desenvolvemento e a promoción do produto transversal do turismo enogastronómico con accións como a celebrada hoxe na cidade condal.

Este novo showcooking do Grupo Nove volveu a mostrar, nun dos principais destinos turísticos do país e cidade da que procede un gran número visitas a Galicia, o gran potencial da cociña galega e a virtude dos seus cociñeiros que deron renda solta a súa imaxinación, convertendo a presentación e a posta en escena da súa obra nun espectáculo de grandes dimensións co que os asistentes deleitaron os cinco sentidos.